Wednesday 01 de May de 2024

Xornada de prevención de incendios en Ordes


Terá lugar mañá mércores de 10 a 19 horas nos baixos da Alameda e no parque da Constitución. Haberá charlas, simulacros, prácticas no manexo de extintores e exhibición das dotacións do parque de bombeiros

Dentro dos actos programados co gallo da Semana de Prevención de Incendios Ordes acollerá mañá mércores, 5 de outubro, unha xornada dirixida á poboación en xeral. A dita xornada estará conducida por integrantes do Corpo de Bombeiros de Ordes e desenvolverase a partir das 10 horas nos baixos da Alameda e no parque da Constitución. Na súa presentación contarase con Honorino Raña, Sarxento-Xefe do parque de Ordes; José Luis Barca, xerente do Consorcio Provincial contra Incendios e Salvamento da Coruña; e José Luis Martínez Sanjurjo, alcalde de Ordes.

A partir das 10.30 horas terá lugar unha charla técnica dirixida a todo o público, na que se tratarán os riscos nos centros educativos e no fogar, así como a autoprotección e a prevención. Entre outros non faltará o alumnado de 5º e 6º curso dos centros Castelao e Campomaior. A continuación levaranse a cabo unha serie de prácticas sobre extincións de incendios nunha cociña e nunha campá extractora. Tamén se poderá mergullar en fume, actividade para a que se habilitará un local baleiro, o cal estará completamente a escuras e cheo de fume artificial.

Ás 17 horas realizarase un encontro aberto a todas as persoas interesadas para abordar os incendios domésticos, e unha hora máis tarde (18 horas) explicarase como utilizar debida e eficazmente un extintor. Ás 19 horas falarase da pautas a seguir ante un accidente de tráfico.

Ata as 20 horas e de xeito ininterrompido exporanse todos os medios e dotacións dos que dispón o parque ordense, medios cos que a poboación poderá interactuar.

Na posta en marcha desta iniciativa colabora tamén Protección Civil Ordes. A Semana de Prevención de Incendios enmárcase dentro das actividades de sensibilización e formación organizadas durante todo o ano polo Consorcio Provincial contra Incendios e Salvamento. Como principais obxectivos ten potenciar a autoprotección, reducindo así o número de intervencións e o nivel de gravidade dos casos rexistrados.